Mundo máxico
Ando con Harry e a Orde do Fénix de acá para alá. Amólame non poder lelo dunha vez, pero os ollos non son o que eran e precisan descanso.
Harry medra, Ron e Hermione medran, todos cambian porque o seu mundo cambia. Moi semellante á vida. A cabeciña adolescente de Harry atópase en pleno estourido emocional e dubida de todo, en especial de si mesmo. ¡Que traballiños leva crecer!
Cando lin o primeiro libro da serie estaba no sanatorio cun nocelo roto, e acababan de operarme para colocar os maléolos no seu sitio. Esquecinme por completo de ónde me atopaba, quería máis; quería, sobre todo, unha vasoira voadora para saír de noite pola fiestra cara ás estrelas (se cadra, coma 'El diablo cojuelo', só ollar desde os tellados as vidas alleas -faise moi longo o tempo dentro dun sanatorio-).
O poder de transportarte ó mundo que describe, borrar a realidade por unhas horas, transformarte nunha ávida mirona é a maxia da literatura.
Ningún comentario :
Publicar un comentario