31.3.04

Primavera
Nunha vella tira de Quino víase a Mafalda ollando botóns de flores, unha parella de namorados e non lembro qué outra escena evocadora do renacer da vida; a nena terrible concluía na última viñeta que a primavera era o máis publicitario da vida.
Publicitaria será, non o nego, pero amolado, tamén. A min sempre me sentou fatal a boa da estación, supoño que por ser unha das que máis tarda en definirse; de sol radiante e agradable caloriña lévanos a tormentas e frío siberiano, coma se se compracese en amosarnos un caramelo para retirárnolo xusto cando estamos a piques de rozalo coa lingua. Ao meu pobre corpo -e non só a el- cáelle coma unha bomba tanta alteración; os ánimos soben e baixan ao galope a lombos dunha nave de montaña rusa; os músculos, acotío doridos, semellan competir entre eles por cál leva a medalla do gañador; os oídos -meus pobres- pregúntanse abraiados cándo rematará este paseo polo bordo do abismo...
Ciclos, malditos e benditos ciclos. Seguro que sen eles todo sería máis aburrido.
Agora que o penso..., hai moito tempo que non gozo dunha boa sesión de aburrimento. Non estaría mal refrescar a memoria.

Ningún comentario :