Luzadas
Agora que teño tanto tempo libre e por fin metín Internet na casa -sigo sen aturar a publicidade, qué lle imos facer-, descubro perlas, seixos e coios que, a luzadas, me traen pingas de pasado. Case podo ver os camiños que percorre a faísca entre o labirinto de neuronas até desembocar no saco que chamamos alma e, por momentos, a respiración deténseme.
¿Era eu quen ladraba non soportar a estulticia?, ¿que prefería a ignorancia cá falta de intelixencia? Dito así, sen matices, non semella tan terrible, mais cando tes diante túa un estulto que intenta comprender, un lento que se atrapalla porque o mata a vergonza da súa torpeza ou un sabichón que olla con xesto de noxo a lentitude allea, entón..., ¡ah!, entón notas como se che derruba a soberbia de vez; decátaste de que ti tamén serás estulta para o máis intelixente, chambona para o superhábil e lenta para o rápido, e acabas sentindo unha picada alá dentro, finiña coma unha agulla, que te fai chorar.
Ningún comentario :
Publicar un comentario