Aprender a golpes e outras herbas
Escribía Deneno hai un par de días que "se se trata de aprender a base de golpes, algún día levarei un sobresaliente", frase que subscribía ata non hai moito; agora teño unha variante: "se rectificar é de sabios, debería estar a piques de graduarme en sabedoría".
En xeral son bastante metepatas, probablemente porque entre as miñas habilidades non figura a sutileza e tiro a distraída, aínda que procuro seguir aprendendo por aquilo de que o saber non ocupa lugar. A maioría dos meus erros de xuízo vén dada por unha especie de inocencia selectiva da que me custa desprenderme, por moito que miña nai se fartase de reprocharmo como se iso fose traerme a perdición. Ben está certo grao de malicia, pero andar pola vida desconfiando de todos e cada un resúltame unha actitude esgotadora, castrante e, o que é peor, empobrecedora.
Non son masoquista nin un tantiño así, pero estou convencida de que levar un golpe de cando en vez non nos vén nada mal, e sempre nos quedará o consolo de dicirnos a nós mesmos: "vaia, equivoqueime; terei que rectificar...".
Ningún comentario :
Publicar un comentario