28.3.04

Contradicións
Hai algún tempo que me desentendín de ofrecer unha imaxe de min mesma; ando demasiado ocupada en ser eu como para, por riba, inquietarme por se parezo isto ou aquilo. Pero caio acotío nunha contradición que me amola un chisco, máis ca nada porque non lle vexo solución.
Do pouco ou moito que levo vivido saquei en claro que aprender non é un camiño de rosas; cómpre tropezar, erguerse, cambalear e endereitarse apoiándose, se fai falla, nos caxatos que se presenten ou nos presten. Chámanlle -se non me trabuco- experiencia. Non pretendo facer apoloxía da dor, en absoluto, só constato que a realidade vital se compón de matices complexos, ás veces incomprensibles e dolorosos no momento, que nos fan crecer.
Pois ben, isto que vexo tan clariño cando me atinxe a min ponme dos nervios en canto o observo nos seres que amo; de súpeto, éntrame unha ansia tola para que superen o mal trago nun abrir e cerrar de ollos, intento convencelos de que logo pasará, de que será moi útil e de que axiña se decatarán de que lles trouxo algo valioso. Gustaríame ser quen de reducirlles o proceso para aforrarlles sufrimento, a pesar de saber que se trata dun camiño persoal e intransferible ao que só podo achegar comprensión e compañía.
Coido que está relacionado con ese afán protector que tanto me rebentaba cando mo aplicaban a min.

¡En fin! Contradicións. ¿Que non as ten?

Ningún comentario :