Aire en movemento
Pasados os primeiros nervios, estou contenta por ter atopado aquí unha clínica de estomatoloxía boa e completa, onde che fan desde unha endodoncia ou un implante até próteses de todo tipo, pois conta tamén cunha especialista nesa profesión. O mellor, sen dúbida, é non necesitar desprazarse a unha das cidades máis inhóspitas e atafegantes que coñezo, o que convertería o transo de desagradable en aborrecible.
Coas bocas anestesiadas, saímos onte de alí un chisco aparvados; B acababa de comprobar nun espello que tiña a face algo torta, o que -segundo el- embazaba a súa natural beleza; deille un bico de consolo, pero os meus beizos non notaron nada, a pesar de que perseveramos no intento unhas cantas veces dentro do coche. A zona encargada dos beixos semellaba de cortiza.
Cando collín a estrada sopraba o vento anunciado, de tal xeito que por momentos coidei estar aos mandos dun barco en plena galerna. Por fortuna non atopamos ningún afeccionado ás figuriñas vehiculares tan frecuentes na zona, expertos en xogar coa súa vida e coa dos demais.
Esta mañá o aire seguía movéndose con ganas, mais decidír ir camiñando até o quiosco e a panadería; o corpo pedíame exercicio e a mente, distracción. Como non peso moito e carezo de forza física, chegar alá supúxome varias paradas para aferrarme a un poste e non saír voando, amais dunha loita incruenta para avanzar. Aínda que arfaba polo esforzo, sentíame eufórica, fenómeno que me chama a atención por non entendelo. Se cadra a explicación radica na segregación de endorfinas que produce o exercicio físico. Din que os seus efectos duran varias horas. Dou fe.
Ningún comentario :
Publicar un comentario