Paseando
Animada pola melloría da maldita ciática, saio a dar un paseo pola avenida da praia. Ao comezo prudente para non forzar a maquinaria, axiña necesito apertar a marcha acariciada por un sol que reloce no ceo limpísimo tras varios días de lavado.
Levo xersei e chaqueta de punto, calcetíns, botas e pantalón (abrigueime en exceso; seino) que contrastan coa maioría dos atuendos que me cruzo: 1- bañador, camiseta e sandalias; 2- traxe completo el, vestido con chaqueta e xoias ela; 3- vestidiños lixeiros e vaqueiros; 4- pel e tanga na praia...
Atopo o tradeado das bolsas cun minibañador azul clariño facendo os seus espectaculares exercicios ximnásticos; o tipo non ten un átomo de graxa, aprécianselle todos os músculos do corpo e exhíbese con máis fachenda có mesmo sol. Desvíome para non coincidir con el, pois dáme a impresión de que se menearía aínda máis de ter público preto; xa bastante traballiño me leva reprimir as gargalladas cando o vexo de lonxe, como para tentar a sorte.
Vellos, novos, medianos e cans atravesan o percorrido trazado gozando do ruído do mar, da caloriña e dunha brisa do máis agradable. Chego ao remate empapada en suor, buscando unha sombra con desesperación e devecendo por fumar. Á fin sento na beirarrúa á sombra dun banco, descanso quince minutos e emprendo o regreso cunhas ganas tolas de estirar.
Cando subo o montiño* onde vivo máis semello un sapo rastreiro ca unha muller.
(*Na parte baixa do debuxo apréciase o monte pequerrecho. Aí).
Ningún comentario :
Publicar un comentario