Híbrido
Pertenzo á especie híbrida de moucho e lémure, cando menos en espírito. Sociable e curiosa coma o segundo, esquiva e solitaria coma o primeiro; ás veces con ganas de xogar, ás veces abstraída en non se sabe moi ben qué.
E isto porque vou asistir a unhas clases de ioga organizadas polo Concello e apréixanme dúbidas: ¿serei constante?, ¿vencerei a preguiza para saír ás cinco da casa cando vente e chova?, ¿aturarei os compañeiros (intúo que compañeiras)?, ¿atopareime cómoda...?
Carezo de disciplina para practicar soa, a pesar dos bos manuais que teño. En Auria acudín durante un mes e pico a un lugar deses, pero entre que non escoitaba a maioría das indicacións do profesor e que os acúfenos resoaban no silenzo final coma se lles desen corda, decidín que o faría na casa. Logo, coa mudanza de vida, tiven que ambientarme en semisoidade para dixerilo todo.
O lémure insísteme en que xa está ben, que quere ver colegas e charlar; o moucho argüe que mellor só que mal acompañado; ningún dos dous berra moito, limítanse a rosmar coma cotorras, por quendas, sen permitirme pensar con claridade. Se cadra é iso o que pretenden; mellor será ignoralos.
De propina, B anímame, di que paso demasiado tempo soa e que me virá ben estar con xente normal. ¿Normal? ¿Que se entende por normal? ¿Estarame chamando rara?
Ningún comentario :
Publicar un comentario