10.10.04

Escritores de ficción
A medida que me fago maior atráeme menos coñecer en persoa os escritores que admiro; en realidade nunca pertencín a ese grupo que persegue autógrafos, acode a mesas redondas e conferencias para verlle a cara ao seu ídolo ou busca nel un modelo moral, un referente.
Porque unha persoa escriba libros que nos gusten, conmovan ou entreteñan non se converte en marabilla andante; a súa obra quizais nos abra portas pechadas, esperte en nós intensas emocións e nos inspire sentimentos que saboreamos con pracer; se sabemos ler de xeito analítico, tal vez valoremos a técnica que emprega, os recursos estilísticos e o dominio lingüístico que amosa. Ben, e iso ¿que? Controla o seu oficio coma un bo carpinteiro, unha modista hábil ou un médico consciente. ¿Buscamos nestes tres algo máis ca un bo facer?, ¿constituímolos en referentes vitais?, ¿esixímoslles definición ideolóxica? Por regra xeral, non se nos ocorre, aínda que en casos concretos ben poderían ser modelos admirables.
O libro, o moble, o vestido e a recuperación da saúde son os resultados dun traballo; que o artífice pense deste ou daquel xeito sobre determinadas cuestións carece de importancia. Eu, cando menos, son incapaz de darlla.

Ningún comentario :