21.10.04

Durante e despois
Os eucaliptos e os piñeiros da leira veciña zoaban coma lategazos mesturados co estrondo do mar que batía furioso os cons, quizais coa va intención de convertelos en area miúda; a forza do vento levantaba a auga e daba a impresión de que chovía de abaixo arriba, coma se a lei da gravidade acabase de entolecer; as Estelas desapareceran engulidas polas nubes; Monteferro nin sequera se intuía. Peke decatouse, unha vez máis, do pequena que é.
Apenas vinte horas despois, a calma, o regreso das illas, o ceo lavado a conciencia, as ondas mainas, o paseo solitario bordeando o areal, respirando fondo un aire noviño do trinque.
Sentei no chan a fumar un cigarro e ollar sen présa o océano; o sol quentábame as costas, algúns barcos esvaraban ao fondo, o tempo detívose. E Peke volveu decatarse de que é, tan só, un minúsculo gran de area.

Ningún comentario :