7.10.04

Pan para hoxe...
A Vila Real experimenta desde hai un par de anos un frenesí constructor que leva as autoridades a permitir edificar no monte que lle queda ás costas, ao carecer doutros terreos. Nunha recente urbanización, oitocentas vivendas sumáronse ás existentes, grande parte delas -vellas e novas- baleiras durante nove ou dez meses ao ano. A que era unha viliña engaioladora convértese paso a paso nun arremedo de cidade onde aparcar o coche roza o milagre, pasear sen ruídos molestos, un imposible e os atascos, o pan noso de cada día.
Pensaba que os comerciantes estarían contentos, pero parece que os ovos da galiña non son de ouro; pouco turismo con cartos e moito de bocadillo consegue que nos meses do verán aquilo se asemelle máis a un vertedoiro ca a unha vila de excelencia turística, como se empeña en anunciar a propaganda. Por iso xa non me sorprende que case toda a xente coa que falo se sinta aliviadísima de que acabe a tempada.
É tradición que os comerciantes nunca están contentos, pero cando lle escoitei á dona dunha tenda que se están cargando Vila Real, que pan para hoxe, fame para mañá, que non se pode vivir aquí no verán, decateime de que o asunto debe ser ben máis peor do que coidaba.

Ningún comentario :