30.10.04

Corrixindo
Emprego a tarde en comezar a corrección dun libro escrito hai sete anos que, por diversos avatares, permanecía gardado nun arquivo-caixón. Segundas formas do artigo, -cias e -cións e algunhas expresións agora rexeitadas desaparecen substituídas polas canónicas. Sorrío coa historia algo delirante que me inspirara un verán de Auria caloroso en exceso, volvo sorrir cos tópicos buscados adrede e coa mestura de xéneros que tanto me divertira empregar.
Bukowski ilustrara parte desta novela emparentada co cómic, pero cruzáronselle no camiño varias tormentosas vidas e aparcouna a unha beira. Se o proxecto sae adiante, terei que apertalo para que se mergulle nela de novo e remate o traballo.
Cánto muda o estilo en sete anos e cánto, tamén, ilusións e inquedanzas. Pero acóugame comprobarlle a frescura, esa que probablemente levara a Cesare a tragala en dúas tardes.
Volvinme ver no antigo estudio -máis cativo ca este- tecleando coma unha posesa día tras día, esquecida de todo o que non fose darlles forma ás nubes, saíndo da abstracción cando B me lembraba que cumpría comer.
Aquel verán paseino de medo.

Ningún comentario :