23.10.04

A propósito de Gondomar
Ás veces segue a sorprenderme a miña capacidade de sorpresa, coma se esa fose unha característica máis propia de cativos ca de adultos; que conste que me gusta comprobar que non a perdín: reconcíliame coa vida.
Pertencente a unha comunidade de hábitat espallado, sei desde a nenez que aquí as cidades son escasas, que o concepto de urbe carece de sentido e que un concello abrangue un número indeterminado de vilas, aldeas e lugares, acotío máis numeroso ca escaso. Pero tamén procedo dunha cidade -chamada polo meu sórneas favorito aldea sagrada-, vivín moitos anos noutra e só desde hai pouco tempo empezo a controlar o rural; porque unha cousa é sabelo e outra, coñecelo sen intermediarios.
Non teño ningún problema en aceptar o meu pailanismo urbanícola, esa ignorancia de modos e costumes que tanta graza lles fai aos verdadeiros ignorantes, coma se un determinado tipo de vida os constituíse en detentores da verdade.
Gondomar denomina unha viliña e un concello que abrangue moitos outros nomes -Borreiros, Donas, Mañufe...- esparexidos nun val de clima suave; a vila en si é bastante fea, sobre todo por unha presunta zona nova que a perverte con edificios de cemento construídos sen pensar dúas veces, rúas especulativamente estreitas e recentes intentos de humanizala, con resultados que dependen do partido gobernante. E todo iso nun espazo reducido.
Afeita ás súas tardes tranquilas, hoxe paseeina ao mediodía e case me abafou: ruídos de obras, tránsito desviado, actividades máis ou menos febrís... conseguiron que a vise con outros ollos, mentres B me ía dicindo a cada pouco pero qué feíña é. Claro, como el naceu nunha pequena xoia, bonita coma poucas, todo o que non implique melloras globais xa lle parece mal.
É incrible a cantidade de sudamericanos que se instalaron (e seguen instalándose) no val; sospeito que os atrae a dozura do clima, ideal para enfermos, anciáns e xente normal con desexos dunha vida mellor e amantes do mar-campo-proximidade á cidade. Un xeito distinto de estar no mundo; completamente distinto ao que coñecía.
Préstame a mestizaxe que respiro por aquí; préstame descubrir unha realidade diferente; préstame, por encima de todo, continuar descubrindo.

Ningún comentario :