11.10.04

Secuelas de xogar co vento
Cando era noviña non acababa de captarlle o quid a unha frase repetida polos que a min me parecían vellos; o caso é ter saúde, dicían, case sempre despois de escoitar unha restra de desgrazas alleas. A tal frase daba por rematada a conversa, coroada cunha despedida de faces compunxidas pero valorosas ante a adversidade. Hai que vivir, engadía algún como colofón presuntamente consolador.
Non vén a conto o que eu pensaba dese colofón, porque pasaron moitos anos e a miña maneira de pensar mudou moito; aprendín, iso si, a comprender á perfección a primeira frase. Como enferma crónica de males sen solución, tamén aprendo día a día a amolarme por ter feito un exceso, inapreciable para un san, pero non para min.
O sábado xoguei co vento, loitei contra a súa forza apoñéndolle enerxía e decisión, segreguei endorfinas e púxenme eufórica; divertinme coma unha criatura. O domingo pasei o día esgotada até a desesperación, coa musculatura do lado dereito agarrotada e dorida a máis non poder, ciática na cacha correspondente, unha lumbalxia de morte e os acúfenos a tal volume que non comprendo cómo os soporto. Os ánimos, madía leva, sintonizados.
É un latazo adoecer. Coa mala pata que me caracteriza (e os antecedentes familiares), temo que serei lonxeva. Para colmo de males atasqueime de novo coa novela. Aínda que, ben mirado, sospeito que o raro sería o contrario.
Menos mal que mañá me toca fisio.

Ningún comentario :