Miscelánea
As sesións de ioga séntanme ben; cómpre estar tan concentrado en sentir o corpo e atender á postura, respiración, músculos e espazo que todo o demais desaparece. Unha vez rematada, marchas preguntándote por qué non aplicamos esa concentración inmediata en todo momento.
Hoxe, facendo unha tarefa desas mancadoras, non tardei nada en relaxar o ombro tenso, que non pintaba nada na festa; porque cando actúan man e antebrazo non se precisa axuda superior.
Chócame que Primavera coide o ioga un deporte. Hoxe lin no xornal que era unha terapia. Para min, nin unha cousa nin outra, mais non sei poñerlle nome; quizais non o precise.
Mentres agardo no coche a que B saia do traballo, anoto nun caderno preguntas e reflexións sobre os personaxes da novela; o xa escrito suxíreme algunha nube que me apresuro a pillar antes de que esvaeza, porque as ideas son caprichosas. Co libro anterior estiven catro anos; este leva camiño de permanecer máis aquí antes de que colla carreira. Pero non hai razón para apurarse.
Cando me preguntaron por primeira vez cómo se me ocorrera unha idea que imprimiu un xiro sorprendente a un relato, fitei a persoa cos ollos coma pratos e non souben responder. Continúo sen saber.
Ningún comentario :
Publicar un comentario