6.10.04

Para aprender hai que errar (copiar cincuenta veces)
Moito soltaba eu esta frase nas aulas (a cursiva non), sobre todo cando algún se poñía colorado por meter a pata e os compañeiros ceibaban risiños deses burlóns que tanto me crispan; porque xa é amolado equivocarse ou facer algo mal, como para que por riba outros (acotío os que máis debían calar) che remachen o bochorno con chacotas.
Como se ve no post anterior, hoxe metín a pata en algo tan sinxelo que calquera podería coidarme unha discapacitada mental amais de auditiva, pero aseguro que, sen chegar a ser Mme. Curie, teño algunhas habilidades non desprezables. O que pasa é que ás veces non me fixo (plas-plas), vexo mal a letra cativa (os ollos non son o que eran) e atrapállome (a impaciencia consigo mesmo debería estar prohibida).
Voume deixar de parvadas e copiar cincuenta veces a frase do título, até que me sangren os dedos se cómpre; como din que a letra con sangue entra, pois iso.

(Grazas, Ferran)

Ningún comentario :