Impresións
Rematei hai uns días a lectura de La mancha humana e non se me vai da cabeza. Houbo un par de momentos que estiven a piques de deixalo, temerosa de non poder soportar a intensidade dos sentimentos que me provocaba, sobre todo a indignación, unha indignación quizais esaxerada ante a hipocrisía e o entremetemento. Por fortuna, conseguín domeala e continuar até a fin.
É unha novela complexa e completa, capaz de remover o lector, de abraialo coas reviravoltas da trama e duns personaxes que se van convertendo paseniño en seres redondos. Aínda agora, ao lembrar esa sociedade ruín, puritana e mesquiña, me tremen as mans de furia, se cadra de horror.
Había tempo que a lectura dunha obra non me axitaba tanto. Semella superfluo dicir que o gocei. Se cadra o seguinte paso sexa comezar coa última novela do seu comentarista, cuxo libro anterior me deixou bo sabor de boca.
Ningún comentario :
Publicar un comentario