26.5.04

Contrastes
Fóra da rapazallada, por aquí existen dous tipos moi claros de amantes ou usuarios do pedal: os que van armados cos apeiros axeitados (calzado especial, mallas, casco, lentes de sol e demais parafernalia) e os que non.
A maioría dos que non son mulleres de todas as idades e homes maiores; os seus vehículos vense rodados, coa pintura descascada e sen brillo, pero cumpren á perfección o fin para o que se crearon: transportar o xinete. Non teñen présa, circulan amodo e adoitan levar bolsas e paquetes, non senten reparo en apearse da montura cando o tráfico se pon impertinente; a min acóugame observalos, quizais porque imaxino un xeito de vivir tranquilo, apegado a ritmos normais, lonxe de estreses e agonías. (Non me estrañaría estar equivocada).
Pola contra, os das mallas pedalean a bo ritmo, súan, non diminúen nas costas, transportados por máquinas pura raza árabe brillantes e puídas. É frecuente velos en grupos animándose uns aos outros, rindo, meténdose coas pacíficas transeúntas, gozando coma nenos malcriados (ehem, ehem).
Ambos espertan en min certa envexa; iso de rodar tan fluídos, sen abanar, sen facer eses... ¡en fin! Haberá que practicar.

Ningún comentario :