6.5.04

Sentido do humor
Descubrir o lado cómico, absurdo ou ridículo nas cousas depende máis do talante de cada un ca das propias cousas. Os equívocos que se producen nunha conversa cun xordo, por exemplo, dan para moitos risos e eu teño sido (co)protagonista dalgún digno de Tornasol , personaxe do que posúo un pin e dúas figuriñas de plástico nos andeis, amables agasallos duns amigos, sabedores de que me encanta rir, incluso de min mesma. Amólame, coma a todos, a malevolencia e a retranca cargada de veleno, pero non a gargallada espontánea nin o sorriso cómplice. Xa a vida trae seriedades abondas, como para desprezar calquera ocasión de practicar un exercicio aeróbico tan útil, san e completo coma o do riso.
O mesmo amigo que me agasallou un Tornasol adoitaba dicirme "non me berres que non te vexo", pois era pitoño perdido e falaba moi baixo, o cal convertía as nosas conversas en diálogos abondo delirantes que facían a ledicia das nosas parellas. A el transplantáronlle as córneas hai uns anos e, se non ve coma un lince, case case. Eu, gracias á avanzada tecnoloxía, incluso teño que pregarlle ás veces que baixe o ton de voz. ¡Cousas da vida!
Que si, que si, que todo é risible, que a todo lapis se lle pode sacar punta, que pouco na vida se libra de ser suxeito dun chiste. Por sorte; ¡que carafio!

Ningún comentario :