Lectura de mentes (exemplos)
- Unha servidora pasea pola rúa con dor de estómago/brazo/ciática ou o que sexa. Vai pensando que vaia putada esa dor pertinaz, que se cadra non lle viría mal acudir ao médico, pero intúe cál será o resultado e, resignada, continúa o paseo. Coma sempre, mira ao baleiro con sensación de estrañeza, absorta no que non comprende. De súpeto, unha coñecida páraa: Ola, chica. ¡Que digna! Pareces unha raíña.
Unha servidora pensa algo, pero cala.
- Compañeira de curro cabreada cunha servidora porque, segundo ela, lle lanzou unha mirada asasina nunha xunta de avaliación. En realidade, tratábase dunha mirada concentrada mentres a mirona intentaba asimilar unha observación atinada da compañeira. Vivir para ver.
- Alumno con mala cara a causa de que a moza, durante o recreo, lle dixo de peores modos que fose tomar aire, que ela non quería abanalo máis. O profesor ou profesora explica preguntándose qué motiva a expresión dese alumno. Deduce que lle ten tirria, que o coida mal profesor, que o contempla con aires de perdoavidas. Cumprirá falar co xefe de estudios para que o poña teso.
Existe unha morea de situacións semellantes que nos empeñamos en interpretar ao noso xeito, sen ter en conta que xamais poderemos coñecer o pensamento alleo, as circunstancias que o motivan e cómo o exterioriza a persoa que temos diante. Pero coidámonos deuses, expertos en faccións e espírito humanos, infalibles nas nosas deducións.
Hai características que non podemos cambiar, nacen connosco e desenvólvense día tras día sen que nos decatemos. Mais outras, porén, son susceptibles de mudanza, sobre todo se recoñecemos con honestidade que somos imperfectos e que, polo momento, non achamos a fórmula para ler sen interferencias a mente de ninguén.
Ningún comentario :
Publicar un comentario