Visita
O sábado recibo a visita de Cesare, que aproveitou a proximidade da praia para achegarse á nosa humilde morada despois dunha sesión de area, sol e auga salgada. Está pletórico, coma adoito, e charlamos durante varias horas mentres debullamos chícharos e preparamos a cea. Aínda me dura o cheiro a allo que me deixou prendido nas pegadas dactilares o adubo do solombo, e iso que seguín as indicacións de Arguiñano para evitalo.
Cóntolle cousas que non debería a pesar das advertencias de B -coidado con este, que é xornalista-; pero a confianza pódeme, non en van hai moitos anos que nos coñecemos.
Falamos de Bukowski, mergullado nunha crise de paixón desatada cuxo remate ignoramos; eu confío en que sobrevivirá, se cadra por telo visto saír doutras semellantes. A actual é forte, das peores, porque o desamor causa máis estragos ca outras paixóns. Ese mesmo día enviárame un correo estarrecedor coa seguinte posdata: reid bien alto, sois la cocaina de mi pecho roto, romped los vasos brindando, besad a vuestros amores o follároslos directamente, comed alegria hasta reventar, y gritad bien alto, que moleste, que se oiga, busquémosle las cosquillas a dios; gastad las bandas magnéticas de vuestras tarjetas de crédito comprando felicidad. Excesivo, si, pero el é así.
Das miñas non vou comentar nada; en canto ás de Cesare, que as airee el se quere (que quererá).
Ningún comentario :
Publicar un comentario