7.5.04

Polemistas
Non sirvo para discutir. Decateime un bo día falando cun individuo afeccionado a polemizar, se cadra porque lle encantaba escoitarse a si mesmo; ao cabo dunha hora de non chegar a ningures, decidín que o mellor para min era calar: partiamos de posturas tan dispares que calquera punto de encontro resultaba imposible. Quería esmagarme cos seus argumentos, demostrar que tiña a razón, constatar unha vez máis que unha simple muller non podía competir coa intelixencia metódica e ordenada dun macho dominante.
Aquel xogo anoxoume, quizais porque coñecía demasiadas contradicións do tipiño e desgústame a xente que defende algo na teoría, pero á hora da práctica actúa de xeito oposto; para máis inri, este era dos que non o admitiría nin bébedo.
Ocórreme o mesmo cos que van de progres pola vida, ou de intelectuais, ou de estou por riba do ben e do mal; moito defender o diálogo, moito pregoar a forza da razón e, cando lles toca no saio, non hai diálogo nin forza da razón que valla.
Debo de ser moi torda, a verdade, por non poder comprender que se descalifique a alguén só porque pensa de maneira diferente.

Ningún comentario :