Lembranzas
De nena pasei unha etapa moi cursi, tanto, que soñaba con princesas e príncipes subidos nunha carroza con forma de cabaza e cabalos con orellas de rato. Por sorte, axiña me aburriron e metinme noutros enredos, convertinme en Tarzán, el Llanero Solitario, el Capitán Trueno, Pantera Negra e, incluso, Flash Gordon.
Non me gustaban os personaxes pasivos; o meu era agatuñar polas árbores, salvar mozas en perigo e vencer inimigos invisibles. Meus curmáns -¡pobres!-, máis novos ca min, obedecían sen chiar as miñas ordes, convertidos sen querer en indios, árabes, estraños seres doutros planetas ou gorilas perigosos que fracasaban, ¡madía leva!, na tarefa de amolar o heroe. Porque o heroe era invencible, aínda que rematase a aventura cos xeonllos e os brazos cheos de feridas e de cortes.
¡Tempos aqueles! Son curiosas as voltas da memoria.
Ningún comentario :
Publicar un comentario