Pantasmas
Non é a primeira vez que ocorre, pero si a primeira que lle ocorre a B. De súpeto, con todo pechado a pedra e cal, nota nunha zona moi concreta do cranio unha fría corrente; pero fría fría.
Antes ca nós, aquí viviu unha pintora que só puido dedicarse cinco meses a gozar e crear neste ambiente, porque morreu. Cando o caseiro nolo contou, mesmo me fixo ilusión ocupar o espacio que ela ocupara; malia que a casa levaba un ano baleira, os cuartos conservaban un lene cheiro a aceite de liñaza e augarrás e, por momentos, estremecíame a sensación doutra presenza -e o devandito frío-.
Xa hai algún tempo sufrín un chasco cando, entre profusión de tranquila, Peke, ti non estás tola, o otorrino descubriu por qué eu oía voces; era algo tan vulgar e prosaico coma a galena dun empaste que emitía ondas sonoras, reconvertidas en voces polo cerebro. O odontólogo confirmouno, retirou o material, cambiouno por un máis moderno e ata hoxe. Confeso que as cheguei a botar de menos, quizais porque sempre eran voces amigas, amorosas.
Non me desgustaría que os airiños fosen caricias de pantasma. De non o ser (como temo), seguro que algún físico podería explicar polo miúdo a qué se debe o fenómeno.
Ningún comentario :
Publicar un comentario