Actitude vital
A vida é raposona abondo como para amolar entusiasmos e coutar frenesís; disque pretende aprendernos. Cando tiña menos anos parecíanme contos de vellas, consolos baratos de quen non sufriu de verdade; agora que teño máis (anos, claro), agradezo seguir neste mundo polo que me ten aprendido, sobre todo polo que me fai sentir.
Sentimentos e emocións son a única bagaxe que levaremos cando partamos; os cartos, desde logo, aquí quedarán.
Moitas cousas dependen de cómo as percibimos. Convivo con B desde hai moito tempo; está amolado pola situación administrativa que o converte en suxeito paciente, xoguete (até certo punto) de decisións alleas; mais é capaz de abstraerse, de recoñecer que o lugar no que residimos compensa moitos desgustos, malia cagarse (sen perdón) na nai de quen pariu a burocracia.
Hoxe na sobremesa nocturna -a pesar da incerteza- dicíame que a actitude vital axuda ou atranca segundo llo permitamos. Para os que non nacemos optimistas, palabras así contibúen o seu a facernos donos do destino.
Ningún comentario :
Publicar un comentario