25.9.04

Prioridades
Desde hai uns vinte anos visto da mesma maneira, levo o pelo ao dous e procuro mercar o que necesito por correo. Para min a comodidade é prioritaria e non me vexo enfundada nun vestido que me obrigue a estar pendente del nin facendo equilibrios sobre uns zapatos de tacón de agulla que, aínda por riba, me opriman as dedas. Tampouco soporto os pelos diante da face ou sobre os ollos e paréceme unha sandez peitearme polas mañás cando podo evitalo.
O de mercar por catálogo comezou a raíz dunha fobia que pillei aos dependentes, algúns deles empeñados en orientarme sobre o que era ou non era elegante, me acaía ou non e levaban todas as mulleres que se dicían á moda.
Ese afán pola comodidade chegou ao extremo de que prescindín do perruqueiro para o corte de pelo mensual; cunha maquiniña estupenda -doada de manexar até por min- B encárgase de manterme a cabeza estilo céspede acabado de arranxar.
O día que decidín ir como me petase a min e non a outros foi un dos máis afortunados da miña vida. Góngora, por certo, tamén falou deste tema. Deduzo que a cuestión debe de ser tan vella coma o código de Hammurabi.

Ningún comentario :