30.9.04

Por unha parte non sei e por outra... ¿que queres que che diga?
Chégame unha carta na que me piden os meus datos e unha foto para incluírme na obra. Debo figurar en tres ou catro sitios distintos, pero sempre me ocorre o mesmo: non sei qué sinto.
A primeira vez que vin unha entrada co meu nome nun dicionario fíxome ilusión, non podo negalo; logo, cando o dixires, decátaste de que iso non implica nada, non afecta a túa vida diaria nin soluciona problemas nin te fai mellor; só forma parte dun afán recompilador e clasificador ao que tan afeccionada é a sociedade actual.
En ocasións dáme algo de vergonza ser suxeito dese tipo de interese, coma se se abrise unha fiestra agachada desde a que me miran sen eu ver; mais non dura moito a sensación. Polo xeral cubro a folla cos mínimos datos posibles, métoa no sobre, envíoa e esquezo o asunto. Dado o meu ritmo de escritura non hai perigo de que pase á historia.

Ningún comentario :