Vida segunda
Tan intensa foi que sería unha das poucas que repetiría. Arrastrei cardumes de sardiñas e pillei un mero; permitín a unha serea adobiarme a crista cun colar de algas, e a un tritón cabalgar, bébedo de sal, no meu lombo arcado; vin o lumbrigante chorar cara á tona do mar pola perda dos seus; albisquei desde lonxe o derradeiro centolo da caste; sentín moi adentro o sabor dos mariñeiros perdidos; axudei aos compañeiros a izar unha rede preñada; envorquei iates evitando pesqueiros; arrinqueille o sostén a unha bañista distraída, e os calzóns a un chuleta de barrio (aínda río ao lembralo).
E por fin, como todas as ondas, estoupei en escuma.
Ningún comentario :
Publicar un comentario