23.9.04

Vida oitava
Non me entusiasma lembrala, se cadra porque marca un antes e un despois no meu vivir atarefado; a partir dela mudaron as substancias que me forman e todo se complicou, ás veces até extremos indicibles. Pero estoume precipitando; hoxe só vou falar da oitava, de ningunha máis (e abonda).
A primeira imaxe que conservo é milleiros de ollos fixos en min, atentos aos meus menores movementos; as súas donas axudáronme a nacer en medio dunha axitación que conmoveu o lugar de arriba abaixo sen que eu adiviñase o motivo, afeita como estaba a un pasado, se non solitario, si independente. Colléronme, transportáronme a unha cámara pechada, nutríronme acotío, non me deixaron soa nunca máis (aturei mal a compañía forzosa); o meu enorme corpo -monstruoso en realidade- non me serviu para voar e fuxir durante un minuto da cadea, só para poñer ovo tras ovo nun constante pingar vidas futuras. As miñas carcereiras estaban excitadas, querían máis e máis, non as satisfacía o que lles daba, tiñan que aproveitar a inmensa sorte dunha abella raíña excepcional...
Non lamentei morrer, ao contrario; no meu encerro ¡achara tanto de menos o aire libre!

Ningún comentario :