Cores
As miñas visitas blogueiras de hoxe foron variadas, mesmo cheguei a areais que non frecuento acotío, por iso chámame a atención o número bastante elevado de blogueiros tristes, deprimidos, desacougados ou con baixada outoniza.
Non sei moi ben de qué se compón esta mestura que me apreixa: grandes doses de solidariedade e afecto, ganas de aliviar e consolar, impulso de ofrecer brazos e ombreiros a quen os necesite... Como se os meus sentimentos lles servisen de algo.
Eu tamén experimentaba esas oscilacións, ás veces máis que brutais, no ánimo, sobre todo preto da primavera e do outono; ocorría que o mundo familiar, as persoas queridas e as alegrías da vida perdían definición, para dar paso a unha tristura infinita preñada de desconcertos, incertezas e dor; as cores desaparecían do horizonte substituídas por unha grisalla que ía escurecendo até ennegrecer por completo. Non é doado de explicar nin quero empregar adxectivos categóricos que nada aclaran. Abonde dicir que resultaba horrible -sen esaxeracións.
Como sempre fun rebelde, curiosa e pelexona, comecei a ler artigos e libros sobre o tema, amais de acudir a especialistas (¡ai!, cánta latiña lles dei) que me forneceron estratexias e medicación específica. Grazas ás dúas, hoxe en día o baile na montaña rusa é moito máis suave ca hai uns anos, malia continuar aí lembrándome a cada pouco que son a mesma, un chisco máis sabia, quizais, tan só un chisco.
A recorrencia aprendeume unha cousa valiosa e tan elemental que daría risa desde fóra: son ciclos, e todo ciclo ten un comezo e un remate; nas épocas máis bravas aferrábame á idea do remate para aturar mellor a baixada, á espera de que a medicación fixese efecto. Agora tamén sei que cómpre paciencia para agardar a que o horizonte recupere o colorido, nunca perdido, tan só adormentado.
Somos así: inestables, desequilibrados, eufóricos e miñocas por quendas, un pouco plastas quizais; mais tamén coñecemos matices que os demais non poden ver, sentimos todo con máis intensidade, intuímos marabillas invisibles, sufrimos e gozamos a fondo e chegamos a reconciliarnos de verdade co mundo por ese privilexio de estar vivos. O noso camiño non é doado, pois ten demasiadas reviravoltas mareantes, pero é o noso.
E hoxe podo asegurar que me sinto contenta de estalo percorrendo, a pesar de todos os pesares.
Ningún comentario :
Publicar un comentario