26.9.04

Dentame
Sempre me afecta que B ande baixo de ánimo, e máis pola súa peculiar maneira de ser, pouco dada a compartir polo miúdo os detalles da súa preocupación. Desta vez, porén, sei qué o preocupa e indigna, mais nada podo facer, só agardar.
Este é un dos problemas, coñecido por el desde hai tempo. Onte tiveron que sacarlle dúas moas sen mácula que xa non tiñan ónde agarrarse; ía disposto a non deixarse tocar se non lle explicaban punto por punto a necesidade de prescindir de dous molares sans. O estomatólogo que nos trata arestora cumpriu de sobra as súas demandas e mesmo lle explicou con puntos e comas as actuacións que evitarían chegar a este extremo.
O que en verdade o indigna é ter pasado seis anos cun suposto especialista na súa doenza que, amais de repetirlle que non coidaba ben a boca (¡a el, por favor, que tarda vinte minutos en lavar os dentes -unha hora diaria-!), non fixo o que debería ter feito para evitar que ese mal avanzase até o irreparable.
A meu B gústalle comer chuletóns de boi de cando en cando; de agora en adiante é posible que deba prescindir dese pracer.

Ningún comentario :