17.9.04

Outono
Gústame poñer unha chaqueta á mañá e á noitiña e notar esa airexa na faciana que fai pingar os ollos; gústame o recendo que me entra polas ventas e me fai lembrar neneces perdidas; gústame tripar as follas secas e oír como estralan baixo os meus pés; gústame o silencio que agoira a volta á rutina e a paz dos paseos solitarios; gústame volver cociñar guisos e abrigarme na cama polas noites; gústanme os solpores cada vez máis temperáns e eses amenceres tardíos preñados de promesas que -case seguro- non se cumprirán; gústame que, tras un día de trebón, o aire teña esta limpeza do principio dos tempos. Por gustar, do outono até me gustan as mentiras cargadas de sal e melancolía: saben distinto.

Ningún comentario :