20.9.04

Na feira
Non hai demasiado rebumbio nas primeiras horas da mañá, pero o día luminoso promete maior afluencia de clientes. A indecisión climática apréciase na variedade de vestimentas, que van desde as camisetas e pantalóns curtos dos optimistas irredutibles aos xerseis lixeiros e calcetíns dos desconfiados ou dos catarrosos coma min.
Apenas entro no recinto, chégame un cheiro a chourizos caseiros e xamóns do que me afasto lixeira para evitar tentacións prohibitivas; caio nun posto de panadería rexentado por uruguaios que se afanan servindo boliños de leite, galletas e pan fresco; o seguinte tramo está copado polos bolsos, lentes, roupa diversa, reloxos de pai descoñecido e demais chilindradas dos senegaleses, uns dos poucos que conservan o vello costume de chamar os transeúntes para ofrecerlles a mercadoría ao berro de a ve, mujé, ¿qué te puedo vendé?. Preto dun dos postos meirandes da feira -unha especie de todo a cen ambulante-, un comerciante expón moreas de calzado entre o que destacan dous saquetes de fermosas patacas do país; proceso o dato decontado e a primeira sorpresa -breve coma un alustro- dá paso á máis natural das aceptacións. Estamos en Galicia, ¿non?; calquera ten unha hortiña da que sacar rendemento malia que venda zapatos polas feiras.
Os peruanos e guatemaltecos aínda non renovaron existencias e quedo coas ganas de atopar unha chaqueta, motivo principal da miña visita. Un home de acento indefinido ofréceme un produto para o que non miro: o sol pétame na cabeza e comezo a notar espirros insolentes nos bordos do nariz. Á altura das plantas o tránsito roza o intransitable e rebórdao na sección de bragas e roupiña de bebé; pícame a curiosidade nun atasco, pero xa non aturo os roces cada vez máis frecuentes e os ataques de carriños e bastóns, así que collo un desvío e regreso ao parque polo paseo da marisma gozando coma un axóuxere da miña liberdade.
Agradezo ter aparcado o coche ao sol por primeira vez desde hai meses. Agora os arreguizos e proídos de gorxa agoiran unha noite conflitiva. ¡Maldita chaqueta!

Ningún comentario :