Paisaxes
Ilustraba Willy hai uns días o seu post cunhas fotos reais coma a vida mesma. Nun comentario Vendell deixoulle unha mostra máis dos ceos que se poden ver nesta nosa xeografía. De boa gana engadiría algúns dos fogos de realidade que se aprecian desde aquí, pero polo momento aínda me manteñen ocupada angueiras abondas para facelo con éxito.
Hoxe hai algo de humidade fresca no ambiente; as Estelas asoman esvaídas aboiando entre a brétema e un mar tan apracible que semella de mentira; diríase que son pantasmas xurdidas do soño dun xigante. Un dos esquíos que pasean os piñeiros veciños (póñense morados de piñas e logo practican o tiro libre cos carozos) exhibe a súa envexable axilidade corricando até a póla máis extrema e solitaria, rodeándoa co seu corpo escuro e recuando de novo, nun xogo infatigable que o delata coma hiperactivo. Ás veces achéganse tanto ao xardín que se distingue á perfección o seu peito branco, os olliños brillantes coma abelorios, a cola mesta e longa de raposo encollido e os acenos veloces de dúas mans refregando o fociño.
Manteño a esperanza de que un día me permita acaricialo, un roce tan só, para saber qué se sente. Entrementres, conténtome con ollalo sobre o fondo da ría.
Ningún comentario :
Publicar un comentario