22.9.04

Rindo por dentro
Mentres Pawley anda ocupado en Donostia vendo cine e compoñendo crónicas, esquecido doutras tarefas -case seguro menos gratas-, tomo un respiro nesa lectura partillada e dedícome con interna ledicia a Cuentos, fábulas y lo demás es silencio de Augusto Monterroso, ofrecido a prezo de ganga por un xornal deses grandes hai xa algúns meses.
Á concentración expresiva e conceptual cómpre engadir a, para min, deliciosa retranca dun escritor que non quixo vivir do que escribía; nas súas brevidades abondan unha ou dúas palabras para darlle volta á tortilla e provocar o sorriso cómplice do lector; outras veces as reiteracións, en aparencia superfluas, conseguen un efecto semellante, mesturado dunha leve sensación de horror ante o que agachan. Gústame esa limpeza traballada na prosa que elimina todo o que non é imprescindible e que moitos consideran pobreza. ¡Ha! Quén me dera a min ser tan pobre.

Ningún comentario :