Vida primeira
O que máis claro me quedou dela é a súa prolongada duración; daquela non se contaban os días, só se deixaban transcorrer, por iso non podo situala coa precisión que se estila hoxe. Porque ¿canto vive unha pedra desde que xorde, enorme, até que se desfai en minúsculas partículas de area? Dese meu primeiro envoltorio non permanece nada, apenas unhas tenues lembranzas.
Vin erguerse e derrubarse varias veces a mesma vila por xentes distintas; vin axitación e silencio alternárense en quendas; vin medrar árbores e vinas talar; vin como a fraga veciña desmestaba até esvaecer, e vin, en fin, a morte de homes a mans doutros homes.
Non tiven ocasión de intervir máis que cando, xa area, me deixei empurrar polo vento e cubrín as ruínas da vila para sempre.
Co derradeiro alento xureime a min mesma que, de poder escoller, xamais sería humano.
Ningún comentario :
Publicar un comentario