19.9.04

Vida sétima
Servín de fogar ao fénix e ao dragón, de acubillo a roubadores de tesouros, de caixa forte de mágoas quixotescas e de retiro material a anacoretas. Asistín a cópulas e axudei en partos, acollín camadas de mendigos, protexín fuxidos e ocultei canallas, manténdome decote aberta ao que viñese, sen inclinarme por ladróns, dadivosos, piratas ou poetas. Convertéronme en tumba de inocentes, oseira de animais e de asasinos, refuxio de amores fuxidíos e, á fin, túmulo de soños incumpridos.
Mais un bo día xentalla enfebrecida, cargada de cobiza e dinamita, quixo atopar en min esa materia capaz de alterar sisos e derruír conciencias; sen respecto ningún, sen facer caso da miña longa idade, sen fixarse nas formas que creara pinga a pinga de calcaria e auga, ignorando beleza e marabilla, cun feixe de cartuchos remataron coa miña vida de espenuca solidaria.
De min non queda xa ningún recordo.

Ningún comentario :