11.9.04

Vida cuarta
Até que ardín unha noite de San Xoán a miña vida foi longa e completa, quizais a máis feliz das que levo vivido.
Crieime nunha fraga rodeado de parentes varios, onde o luar é tan claro, tan intenso, que escorrenta das sombras todo o medo; absorbín o aire limpo dun cordal semellante ao dos contos, e nutriume, constante, a terra negra a pesar de secas e chuvieiras. Fozou o xabaril nas miñas raíces; o cervo, no meu tronco, calmaba os proídos do seu lombo, e ao meu pé aniñaron Fidel e Filomena, os derradeiros. Desde a miña atalaia gocei de amenceres infinitos, o sol acariñábame sen présa, e fun medrando forte moi engorde, acollendo nas pólas outros niños.
Taláronme xa vello e convertéronme en leito de carballo; así asistín a amores, nacementos, enfermidades, discusións e mortes. Usáronme máis tarde nun valado de onde me roubaron uns mozotes unha tarde.
Ao cabo alumeei na cacharela coas lapas máis ardentes en dez leguas.

Ningún comentario :