Vida terceira
Formeime no ceo ao abeiro de ventos furiosos, que insuflaron en min ansias destrutoras; madurecín baixo o manto tremelucente da noite; engordei hora a hora coas achegas de moitos parentes. Atizado por eles baixei até a terra coa única orde de arrasar todo canto se me cruzase no camiño.
Derrubei edificios de todas as castes sen deixar pedra sobre pedra; agredín seres vivos sen facer distinción: engulín paxaros, árbores, cadelos; arrastrei cabalos, vacas, cans e persoas chorosas; esmaguei nenos indefensos, caciques cabróns, curas, militares, labregos, obreiros... Destruín tanques, coches, camións; arrinquei valados, ermidas, alpendres; estraguei colleitas e comín insectos. Sementei desolación.
Entón vina a Ela e quixen determe, mais non podía ir contra o meu natural; collina nos brazos, intentei bicala, arroleina un instante e ceibei ao baleiro o seu corpo roto, tan fermoso, si, e tan fráxil tamén.
Non fun malvada; simplemente, deseñáronme furacán.
Ningún comentario :
Publicar un comentario