27.9.04

Vida novena
Aínda tiña moi fresca a vida oitava cando me atopei de súpeto no corpo dunha garza da marisma. Prestoume a miña imaxe reflectida na auga; o longo pescozo estilizado, o peteiro aceirado, uns ollos vivaces e famentos e todo o aire do mundo para min cambiaron por completo o horizonte.
Fun comprobando aos poucos que podía escoller o xeito de moverme: áxil para fuxir, lento se nada me turbaba, inmóbil cando tiña que pescar e, ¡oh, marabilla!, posuía ás para voar no vento. Mais o mellor de todo, sen dúbida ningunha, era a liberdade de tomar decisións sen consultar.
Os rabaños de muxes chamáronme a atención; eran noviños, ninguén os vixiaba, brillaban entre a auga coma prata estrelada... Convertinme en pastora dun cativo cardume por tempo limitado e sempre lembrarei aquel sabor na boca; ¡que gorentoso!

Ningún comentario :