23.4.04

Desde os andeis
Repousa Tolkien na súa atalaia botando olladas curiosas ao xardín secreto de F. Hodgson Burnett, mentres Lewis Carroll comenta con George MacDonald o futuro itinerario de Alicia. Michael Ende aproveita o arco da vella para visitar a J.K. Rowling e darlle unha cordial aperta polo seu último fillo, pregándolle que non sexa o derradeiro. Rafik Shami consulta con Sherezade un par de dúbidas, algo distraído pola charla das veciñas Marie de France e Madame d'Aulnoy. Pullman, dous andeis máis abaixo, mira vacilante a distancia que o separa de Wilhelm Hauff, mais decide apoiarse en Andersen e os irmáns Grimm para dar un prodixioso chimpo e discutir con el sobre un almanaque perdido. Matute e Gaite aproveitan para tocar o piano a catro mans e rir encantadas cos debuxos que Arthur Rackham, sempre atento, lles amosa entre negras e corcheas. Andrés Ibáñez e J.M. Guelbenzu, acabados de chegar á xuntanza, procuran acomodarse sen armar barullo, pero John Ruskin, intrigado polas súas estrañas roupas, decide nese momento asubiar con forza e poder, a resultas do silencio, interrogalos. Estupefacto, A.R. Almodóvar pregúntalle a Frank Baum cómo fai J.M. Barrie para manterse tan en forma. O balbordo acada cotas insufribles que espertan a Melville, quen, furioso, ordena a Moby Dick mandar calar a aquela banda de cotorros. De súpeto os andeis tremen ante o que coidan unha falta de respecto, o silencio é tremendo, ominoso... ¿Que ocorrerá?
"¡É a hora!" brama Stevenson cun fío de voz.

E Peke, intimidada, sentíndose máis pouquiña cousa ca nunca, entra coas bandexas de refrescos e montañas de canapés. A merenda dos señores está servida.

Ningún comentario :