A rebelión da escopeta
O primeiro contacto que tiven co maltrato feminino data de trinta e tantos anos atrás. Daquela unha muller non podía traballar sen o permiso escrito do marido; en realidade, necesitaba ese permiso incluso para manexar o seu propio diñeiro, abrir unha conta corrente e moitas outras actividades, hoxe tan normais como respirar.
A historia en cuestión rematou ben para a muller e a filla: o home, armado cunha escopeta, subía a escaleira da casa dos sogros para pegarlle un tiro á muller que ousara separarse del, farta de malleiras, insultos e dor; cego de alcohol e xenreira, tropezou, a escopeta rebelouse contra el e matouno.
Eu era unha nena e aledeime. Foi a primeira vez que crin na alma xusticeira dos obxectos.
Ningún comentario :
Publicar un comentario