Sobre 'Mi nombre es Sei Shonagon'
Jan Blensdorf naceu en Australia e reside en Inglaterra e Francia; esta é a súa primeira novela, resultado dos dous anos que pasou en Toquio.
Non lembro ónde vin a referencia que me levou a mercala; tiña pensado encargala, pois saíu en febreiro e aquí os libros chegan con bastante demora, pero atopeina na libraría da Vila Real sen buscala. Fíxome gracia que trouxese unhas variñas de incenso, agasallo axeitado xa que está ambientada nunha vella tenda xaponesa que vende ese produto (consumido por min para camuflar o cheiro do tabaco).
Sen ser unha gran obra, produce un efecto sedante e evocador; así como o lía víñame á memoria El elogio de la sombra de Tanizaki, un ensaio de noventa e cinco páxinas grande coma un mundo cuxa lectura me achegou matices ata entón pouco advertidos.
Son libros que se len como se escoita música; as palabras ensártanse sen estridencias, igual ca auga manando de contino nun regato. Calman.
É curioso que pense agora mesmiño noutro río que flúe, Olvidado Rey Gudú de Matute, oitocentas sesenta e cinco páxinas de música que alonguei canto puiden; e, a pesar diso, soubéronme a pouco.
Ningún comentario :
Publicar un comentario