Querida Jane, querida Charlotte
Debía eu andar polos catorce ou quince anos cando entrei a saque na literatura británica do XIX e algo anterior (lía en español, ¡madía leva!), que me levou a un entusiasmo sen reservas polo que se me antollaba a 'maxia' das palabras. Daquela os nomes de Jane Austen, Emily Brontë ou Charlotte Brontë non me dicían de especial nada diferente aos de William M.Thackeray ou Wilkie Collins, quizais porque non teño irmáns homes e por iso non padecín discriminacións educativas na casa.
A maxia á que me refiro é unha cualidade que posúen os escritores británicos (sobre todo escritoras) á hora de crear atmosfera e ambiente; nada coma unha ración de Cumbres borrascosas ou Orgullo e prexuízo para sentirse transportado a outro mundo sen moverse da butaca. Hoxe P.D. James, Anne Perry ou A.S. Byatt -por poñer tres exemplos ben dispares- continúan ese ronsel de creadoras atmosféricas, como eu as chamo, a base de descricións nada esgotadoras e un algo inefable que dá na diana sen aparente esforzo.
Poucos anos despois caeu nas miñas mans Un cuarto propio de Virginia Woolf e asomei o nariz ás grandes diferencias que implica gozar ou non dun espacio privado onde ninguén pode interromperte. Pero esa é outra historia.
O ensaio de Espido Freire (de quen, por certo, é o primeiro libro que leo) comparte con elas a cualidade atmosférica; indaga nas súas existencias fornecida dunha bibliografía bastante completa, pero engade o seu toque persoal. A súa lectura estame traendo páxina a páxina sensacións moi agradables, como se o tempo se tivese detido nunha cativa sala onde de cando en vez alguén entraba para comprobar que todo seguía en orde.
Ningún comentario :
Publicar un comentario