12.4.04

Tradeados (I)
Teñen un aquel inquietante a primeira vez que os miras; logo, a forza de observalos día a día, pasan a integrarse no teu mundo, que é o seu.
O deportista corre a paso atlético con moito meneo de cadeiras, os brazos, ao compás, á altura do peito como mandan as normas: vai á compra. De volta, emprega as bolsas cheas coma pesas, érgueas e báixaas dobrando os cóbados sen perder o ritmo. É todo musculiños e encántalle exhibirse. Marca paquete.
O carreteiriño conduce pola estrada a carreta con brazos firmes, sempre en mangas de camisa; detense nos semáforos, sobe costas, aproveita o vermello para saudarte, logo pídeche un pito... O mellor é non darllo, a menos que desexes un amigo disposto a aceptarche un café.
O bailarín ponse no medio e medio da rotonda; rodeado de coches, canta e baila con ledicia extrema, axítase, abrázase aos farois, tourea con descaro un muíño xigante coa chaqueta...; semella feliz.
Hai algúns máis, pero por hoxe abonda.

Ningún comentario :