Recendos e outras herbas
Agora gozo dun xardín no que medran hortensias, dúas azaleas, unha cerdeira e dúas camelias -a branca, cativiña, deu unhas flores que apetecía comer-, amais doutras tres plantas cuxos nomes ignoro. O xardineiro (xentileza do caseiro) acode cada quince ou vinte días a adecentalo, cortar o céspede e chapodar cando cómpre. Sei se veu polo recendo que queda: a verde, a terra, a madeira cortada...
B sacode o mantel polo balcón porque así, asegura, os paxaros virán comer as faragullas. Dúas rulas, uns cantos merlos, varios paporrubios e algún que outro pardal deron coa despensa e cada mañá axexo pola fiestra intentando non escorrentar as visitas. Son tan parva que me fan rir.
Hai pouco que espertaron os esquíos. A primeria vez que os vin, tan preto, tan contentos, choutoume o corazón; acróbatas incribles, van de piñeiro en piñeiro, de póla en póla, sen fallar xamais o chimpo.
Desde hai uns días recende a primavera. Non sei por qué será que cada estación ten o seu cheiro, inconfundible; esta trae unha mestura de calor e verde, de flores no seu punto, de árbores madureiras. Invitan a bailar.
Mentres, as plantas do xardín mudan decontino, minuto a minuto, e teño a sensación de que a segunda mirada recolle cousas que antes non existían. Cómo alucino.
Ningún comentario :
Publicar un comentario