Tradeados II
O autostopista ponse case a diario nun punto da estrada co polgar estendido cara a onde quere ir. Unha vez que chega alí, volve estender o dedo para volver. B pensa que quere probar tipos de coches para mercar un con coñecemento de causa. Eu non sei qué pensar.
O lector-guitarrista vai a toda marcha por Vila Real, a pasiños moi curtos, arrastrando os pés; sempre leva na man un libro de follas revirichadas e, ás veces, unha guitarra sen cordas. Párase diante túa cortándoche o paso e fai como que sostén un cigarro, pero non fala.
O ciclista dálle aos pedais con enerxía; ten bigote e barbiña de chibo e leva unha gorra de viseira. Sei que está tradeado porque me saúda, cada vez que me ve, cun 'ola, churri' que me deixa trasposta. B opina que só é un admirador. Eu non sei qué opinar.
Ningún comentario :
Publicar un comentario