Etiquetas
O día en que unha rapaciña me soltou que eu era 'pasota' caeume a alma aos pés. ¿Pasota eu? ¡Quen me dera!, pensei.
Desde aquela collinlle unha xenreira feroz a calquera intento de etiquetar a xente, se cadra porque me semella unha simplificación gratuíta e inxusta da complexidade do ser humano.
Algunhas persoas non quedan tranquilas até que non teñen clasificado o mundo, ordenado en compartimentos ben delimitados e, por suposto, con letreiriños moi claros para indicar un contido que non revisan xamais. Cústame comprender ese costume, quizais porque me gusta saberme libre para cambiar de opinión, mudar de vida, abandonar hábitos que xa non serven e (re)construírme a min mesma día a día.
Os que adoptan un papel determinado sen saírse do guión -que tamén os hai- perden acotío algo tan necesario como respirar: a capacidade de deixarse sorprender e sorprenderse a si mesmos. A min ségueme parecendo unha marabilla descubrirme pensando ou dicindo. "¡Vaia! Antes cría isto e agora inclínome por aquilo. ¡Non parezo a mesma!".
E é que, por fortuna, non somos planos nin lineais nin previsibles; non estamos escritos e asinados cun punto final. Se acaso, como moito, merecemos que nos permitan os puntos suspensivos...
Ningún comentario :
Publicar un comentario