Funambulismo
Son unha muller de extremos, excesos e desatinos que intento compensar cunha practicidade abrumadora.
Hai uns días caín na conta de que xa non teño soños nin proxectos; acaso, como moito, vivir o momento coa maior ilusión posible intentando equilibrios imposibles.
Deixei de soñar en cambiar o mundo, porque o mundo non hai quen o cambie; é como é malia que nos pese. Non espero nada de ninguén porque descubrín que cada ser humano protexe a súa illa contra ventos, barcos e mareas. Aprendín a poñerme no lugar do outro e a relativizar.
Ás veces sinto morriña dunha parte de min, se cadra perdida para sempre; pero sufro menos.
Mentres tanto, continúo practicando equilibrios sobre a corda estendida e quizais, só quizais, calquera día tropece cun vello soño que agarda acachoupado a ocasión axeitada para brincar ao meu colo.
Será ben recibido.
Ningún comentario :
Publicar un comentario