30.4.04

Pelexas a brazo aberto
Non sei se son pouco violenta ou simplemente creo que non hai nada polo que pague a pena pegarse con ninguén, que as palabras serven para arranxalo todo. Por iso estarrecín o día en que se armou unha gordísima no instituto de B; un grupo numeroso animaba aos contendentes con profusión de 'dálle, dálle ben', mentres eu agardaba que o camiño se despexase sen ver máis ca cabezas e brazos arremuiñados. Cando B volveu ao coche pregunteille qué ocorrera; a resposta deume qué pensar: dúas rapazas pelexaban por un mozo. Resultados: un ollo morado, unha camiseta esgazada, negróns varios e peiteados exóticos.
Xa me semellaban de cavernícolas as pelexas entre homes por unha muller; isto..., isto aínda ignoro qué me semella.

Ningún comentario :